Reflexión sobre o Colexio Santa María la Blanca (Madrid)
No colexio concertado Santa María la Blanca, a
innovación maniféstase a través da ideación dun sistema pedagóxico propio,
coñecido como EBI (Educación Básica Interactiva). Por medio da combinación das
ferramentas e recursos TIC ao seu alcance e o deseño dunha guía de aprendizaxe
configurada atendendo ás características e necesidades do alumnado, este centro
madrileño consegue ofrecer unha educación personalizada e individualizada para
os seus alumnos/as, atendendo ás habilidades, intereses e motivacións de cada un/unha
deles/as coa fin de que poidan acadar o seu máximo potencial.
En cada materia, os rapaces e rapazas céntranse en
cumprir cos obxectivos marcados especificamente para eles/as polo titor e
mailo/a profesor/a de cada unha das disciplinas que estudan, polo que as clases
non son exactamente iguais para todos/as.
Unha vez por semana, os/as estudantes reúnense cos
docentes de cada materia para que estes poidan realizar un seguimento do seu progreso
e para que os alumnos aproveiten para preguntar as dúbidas que teñan ou facer
as suxestións que consideren oportunas.
No referente á incorporación das novas tecnoloxías no proceso
de ensino-aprendizaxe, cabería sinalar que cada estudante conta co seu propio
ordenador portátil dende quinto de primaria. As ferramentas TIC funcionan, xa que logo, como recursos
útiles para a aprendizaxe autónoma dos alumnos e para o traballo colaborativo
entre eles.
En canto ao sistema de avaliación, os discentes contan
con total liberdade para decidir como (mediante exposicións, probas escritas ou
outro tipo de actividade) e cando desexan ser avaliados da guía de aprendizaxe
que foi deseñada a medida para eles.
Tendo en conta todo o exposto con anterioridade
considero que o sistema EBI ideado polo colexio Santa María la Blanca constitúe
tamén un bo exemplo de educación innovadora. Así e todo, non vexo factible a
súa aplicación en tódolos centros educativos, xa que non tódalas escolas contan
cos medios e recursos necesarios para dotar a cada alumno dun ordenador
portátil. Ademais, para que este tipo de ensino personalizado funcione axeitadamente
e teña éxito, cómpre que exista unha moi boa comunicación e coordinación entre
tódolos membros da comunidade educativa, feito que non sempre é posible.
Comments
Post a Comment