Reflexión sobre a metodoloxía do CEIP Amara Berri (San Sebastián)


No CEIP Amara Berri, o coñecemento constrúese mediante a achega a contextos sociais de significado, a través de actividades nas que os contidos curriculares se atopan relacionados entre si (ex.: para traballar as matemáticas, o alumnado simula un mercado ou representa un barrio con diferentes establecementos, pero que nestes espazos non só se utilizan as matemáticas, senón que a lingua tamén está moi presente).

Cada unha das aulas está conformada por unhas catro zonas onde se desenvolve unha actividade determinada. Os alumnos e alumnas escollen a temática que máis interese lles esperta, buscan a información pertinente e, por último, expoñen o seu traballo ante os seus compañeiros e compañeiras. Trátase, polo tanto, de aprender facendo, de dar paso a novos roles e modos de proceder partindo dos principios de participación, implicación, autonomía e corresponsabilidade.

Como resultado do traballo en grupo, da inclusión e da integración, que constitúen algúns dos piares nos que se asenta a metodoloxía pola que se rexe esta escola de San Sebastián, os cativos e cativas aprenden a convivir e a moverse en distintos contextos, autoxestionándose e desenvolvendo, ao mesmo tempo, as súas competencias afectivas e sociais.

Por todo o dito, considero o sistema "Amara Berri" como un exemplo óptimo do que significa innovar. É fundamental que xa dende cativos os alumnos entendan a utilidade do que estudan para a vida, para o mundo fóra da escola e, en definitiva, para o día a día. E precisamente iso é o que están a conseguir neste centro de educación infantil e primaria, facilitando a conexión dos rapaces coa realidade social que os rodea e integrando as TIC para o desenvolvemento das distintas actividades que realizan.

Comments