Reflexión sobre o IES Miguel Catalán (Aprendizaxe e servizos comunitarios)
Tal e como eu o vexo, a proposta do IES Miguel Catalán (Coslada) constitúe un punto de inflexión con respecto á idea tradicional de ensino. Mediante a aplicación do método de aprendizaxe-servizo e a educación en valores, permíteselle ao alumnado a posta en práctica, nun contexto real, dos coñecementos adquiridos, relacionando así os contidos que os mozos e mozas aprenden na aula coas experiencias que viven fóra dela (→ aprendizaxe significativa). E isto deriva, ineludiblemente, nun aumento da motivación, posto que os rapaces e rapazas, concibidos/as como axentes activos do cambio e da transformación da realidade social, teñen a oportunidade de comprobar por eles/as mesmos/as a utilidade de ditos coñecementos a través da planificación e realización de proxectos e accións solidarias en colaboración con diversas organizacións e asociacións da súa contorna, ben sexa visitando aos doentes no hospital, botando unha man co coidado dos cans dunha protectora ou axudando a concienciar á poboación da importancia de doar sangue.
Unha posible aplicación do sistema de aprendizaxe-servizo na área de linguas podería ser a participación do alumnado nalgún proxecto cultural que requira algún tipo de traballo lingüístico e/ou comunicativo (ex.: traducións, exposicións...), favorecendo unha mellora da experiencia de aprendizaxe e integrando coñecementos ao mesmo tempo que se potencia e promove a colaboración e mailo traballo en equipo.
Comments
Post a Comment