Reflexión sobre o Colexio Verdemar (Santander)
A escola Verdemar é un dos centros nos que se desenvolve a iniciativa das cooperativas escolares. Trátase de pequenas empresas dirixidas polo propio alumnado, que é quen decide que reto social afrontar e como facelo mediante a posta en práctica do aprendido na aula. A través da aprendizaxe colaborativa, os rapaces e rapazas desta escola aprenden a planificar e auto regular as súas actuacións de tal xeito que, pouco a pouco, van adquirindo a independencia e autonomía que lles axudará a atopar o seu camiño na vida.
Como parte da organización das cooperativas (de dous tipos: produción e servizos), os/as discentes deben escoller unha ONG local coa que colaborar, prestando atención ás problemáticas da súa comunidade e axudando, de maneira indirecta, a que tomen conciencia da necesidade de asumir e facer fronte aos retos sociais da súa contorna.
As cooperativas de produción, unha vez os alumnos rematan o proceso de manufactura, organizan un mercado para a venta dos seus produtos e, logo, destinan unha porcentaxe do diñeiro recadado á ONG que previamente escolleran.
Paréceme que a dinámica deste centro educativo de Santander pode ser moi beneficiosa para o alumnado, xa que o desenvolvemento das cooperativas implica que se poñan en valor aspectos tan transcendentais como son o traballo en equipo, o compañeirismo, a solidariedade, a empatía, a iniciativa (ou liderado) e o pensamento crítico; aspectos de carácter esencial para a transformación e o cambio social.
Comments
Post a Comment