Reflexión sobre o Centro de Formación Padre Piquer (aulas cooperativas)


A idea do proxecto do Centro de Formación Padre Piquer (Madrid) xorde inicialmente para dar resposta á diversidade e heteroxeneidade do alumnado, procurando unha achega á aprendizaxe cooperativa e á “multitarea” e favorecendo o traballo en equipo tanto por parte do profesorado como do alumnado.

Por medio do traballo con dous ámbitos fundamentais (o socio-lingüístico e o científico-tecnolóxico), os alumnos (arredor de 60) e os tres (ou máis) docentes que os acompañan traballan conxuntamente nunha mesma aula a partir dunha aprendizaxe baseada en problemas e do emprego das TIC para a resolución de cada pequena tarefa que deban realizar. Dúas das principais vantaxes derivadas da colaboración entre docentes e discentes son: a transmisión e integración dos valores e principios de inclusión e a promoción dunha aprendizaxe individualizada acorde ao ritmo de traballo de cada alumno/a.

Aínda que de primeiras poida parecer un proxecto un tanto ambicioso, está comprobado que, tal e como acontece neste centro de Madrid, pode dar bo resultado (tanto na área das linguas como na área das ciencias) sempre e cando os docentes implicados estean coordinados entre eles e saiban adecuar os contidos e mailas tarefas propostas aos intereses, capacidades e necesidades do alumnado.

Comments