O DOCENTE INNOVADOR
Innovar supón un proceso de adaptación e cambio constante, na procura sempre dunha mellora. Polo tanto, o docente innovador será aquel que, logo de analizar tanto as características da súa contorna escolar (recursos, comunidade, funcionamento das clases...) como as dificultades que nel se presenten, estea disposto a mudar as súas estratexias e metodoloxías por aquelas que mellor se axusten ás necesidades do alumnado. Do que se trata é de priorizar isto último coa finalidade de que o proceso de ensino-aprendizaxe se desenvolva o máis satisfactoriamente posible para ambas partes (docente e discentes).
No referente á didáctica de linguas, independentemente de que sexan linguas estranxeiras ou non, o innovador sería antepoñer as actividades comunicativas e de interacción coa lingua ás explicacións teóricas de gramática e á monotonía dos exercicios mecánicos e repetitivos que tanto abundan nos manuais ou libros de texto. E digo innovador porque, malia que no currículo se estipule o desenvolvemento da competencia comunicativa como obxectivo central para a aprendizaxe de toda lingua, a experiencia demóstranos que a realidade é outra ben distinta. É certo que non sempre resulta sinxelo conseguir que o alumnado se implique e participe activamente nas clases, pero precisamente por iso está a opción de innovar; para atopar a solución pertinente a cada problema, a cada dificultade que poida xurdir a través da elaboración e posta en práctica dun método de traballo que implique unha renovación metodolóxica en prol dunha mellora con respecto á dinámica do grupo-clase, favorecendo así o correcto desenvolvemento persoal, social e cognitivo dos seus integrantes.
En relación a isto, e tendo en conta que as novas xeracións están a medrar nun mundo dominado maioritariamente polas tecnoloxías, tamén sería conveniente buscar a maneira de integrar as TICs no estudo e aprendizaxe das linguas. Deste xeito, non só estariamos ofrecendo unha alternativa didáctica actualizada e adecuada á sociedade do momento, senón que ademais estariamos introducindo na aula un elemento co que os rapaces e rapazas se atopan xa máis que familiarizados/as e que, polo tanto, podería repercutir positivamente na súa motivación de cara á aprendizaxe e actitude coa que afrontan a materia.
Sen dúbida algunha, coa incorporación das TIC ábrese ante nós un amplo abano de posibilidades. Como complemento dos contidos presentes no libro de texto ou mesmo prescindindo del por completo, podemos (e debemos) tirar proveito das numerosas oportunidades que nos brinda o acceso á rede e propoñer actividades ou proxectos grupais e individuais que impliquen a aproximación á cultura da lingua (ex.: a inglesa) a través da proxección dalgún vídeo, serie ou filme que poida suscitar o interese do alumnado e ao mesmo tempo contribúa ao seu proceso de aprendizaxe. Do que se trata é de que os/as alumnos/as descubran outros posibles usos das ferramentas TIC que eles/as mesmos/as empregan día a día e sexan conscientes do papel tan relevante que as linguas desempeñan nas nosas vidas, tanto no plano persoal como no plano laboral.
Para rematar, e a modo de resumo, salientaría a necesidade do profesorado innovador de autoavaliarse e formarse de xeito continuado para así poder deseñar e elaborar novos materiais, métodos e estratexias de aprendizaxe alternativas segundo as características do alumnado e os medios dos que dispoña o centro, reinventándose e adaptándose, sempre na medida do posible, aos novos tempos.
Comments
Post a Comment